PLAN DE ACCIÓN PARA O CLIMA E A ENERXÍA SOSTIBLE DO CONCELLO DE RIBEIRA

 

O 28 de xaneiro de 2019 a Corporación Municipal de Ribeira decidiu adherirse ao Pacto dos Alcaldes polo Cambio Climático: unha ambiciosa iniciativa europea que pretende a redución das emisións de CO2 baixo a premisa da diminuír consumos enerxéticos e emisións de gases de efecto invernadoiro. Agora, o Concello de Ribeira vén de dar un significativo paso encargando a elaboración do Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACE), é dicir, a folla de ruta que vai marcar o camiño cara á consecución destes obxectivos.

O Plan —que será redactado pola empresa especializada Iceacsa  Consultores, S.L.— incluirá entre outras as seguintes tarefas:

  • A cuantificación das emisións no noso territorio a través dun inventario de emisións de referencia (IER).
  • A avaliación de riscos e vulnerabilidades climáticas (ARVC): unha análise que determine a natureza e alcance do risco ao que está sometido Ribeira mediante a análise dos perigos potenciais e a avaliación das vulnerabilidades que poden poñer en risco ás persoas, propiedades, sustento ou ao medio ambiente do que dependen.
  • Plan de Acción de Mitigación: recollerá unha proposta de medidas para chegar a cumprir os obxectivos en eficiencia enerxética, enerxías renovables, mobilidade sostible, concienciación... Indicaranse prazos, responsabilidades, inversións estimadas (sempre e cando sexa posible), medidas de financiamento, indicadores e cálculo dos impactos.
  • Plan de Adaptación: dentro deste plan, proporanse unha serie de medidas de adaptación, coa fin de reducir os impactos negativos a un nivel aceptable ou evitar que incrementen cos anos.

Cómpre lembrar que a adhesión da Corporación ao Pacto dos Alcaldes polo Cambio Climático (Pacto que fora dado a coñecer en Ribeira cun acto na lonxa en xaneiro de 2019) entraña estes compromisos:

  1. Reducir as emisións de CO2 no noso territorio en polo menos un 40 por cento ata 2030 mediante o aumento da eficiencia enerxética e un maior uso de fontes de enerxía renovables.
  2. Traballar na promoción de medidas para a adaptación ao cambio climático mediante a creación de plans de acción en favor da enerxía sostible e o aumento da resiliencia fronte ao cambio climático.
  3. Elaborar un Inventario de Emisións de Referencia e unha avaliación de riscos e vulnerabilidades derivados do Cambio Climático, como base para o Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES) no que se resuman as accións clave que planean levar a cabo.
  4. Presentar o Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible no prazo de 2 anos a partir da firma oficial do Pacto dos Alcaldes para a supervisión e verificación do proceso.
  5. Desenvolto o Plan de Acción, elaborar un informe bianual para a avaliación, control e verificación dos obxectivos, informando dos fitos acadados en cumprimento do Plan.
  6. Compartir a nosa visión, resultados, experiencia e coñecemento con outras autoridades locais e rexionais da Unión Europea.
  7. Adaptar as estruturas do Concello incluíndo a asignación de suficientes recursos humanos para o desenvolvemento das accións necesarias.
  8. Mobilizar á sociedade civil no noso ámbito para que participe no desenvolvemento do Plan de Acción.
  9. Comunicar os presentes acordos á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para facer posibles as tarefas de apoio e coordinación.”

DESCARGAR O PLAN DE ACCIÓN POLO CLIMA E A ENERXÍA SOSTIBLE DO CONCELLO DE RIBEIRA