Ribeira, 26 de novembro de 2024
No día de hoxe inaugurouse na Casa da Xuventude a primeira quenda das dúas programadas dirixidas a profesionais que traballen directamente coa infancia, no ámbito sanitario, educativo, social, xudicial, ocio e deportes, máis forzas e corpos de seguridade.
O obxectivo será mellorar as competencias profesionais para a aplicación da LOPIVI (Lei Orgánica 8/2021, de 4 de xuño, de protección integral á infancia e á adolescencia fronte á violencia) e para a implantación das novas figuras que introduce esta Lei: Coordinadora de Benestar nos centros educativos e o de Delegada de Protección nas Entidades de deportivas e de ocio e tempo libre.
Dende o departamento de Servizos Sociais nos informan que estas xornadas superaron tódalas expectativas quedando xente na lista de agarda.
A apertura oficial das xornadas contou ca presenza do rexedor, Luís Pérez, as relatoras da xornada, lnma Arauja López, Psicóloga, Aida Blanco Arias, Avogada, a coordinadora dos Servizos Sociais do concello, Francisca Vidal e a Educadora Social e promotora das xornadas, Iria Alén.
Durante os días 26 e 27 de novembro os asistentes formaranse para sensibilizar, asesorar e dotar de ferramentas profesionais para a prevención e detección precoz de toda forma de violencia contra a infancia. Establecer mecanismos de cooperación interinstitucional para mellorar a coordinación dos axentes locais implicados coa infancia, a través do traballo en rede, favorecer un espazo de encontro, reflexión e aprendizaxe para a xeración de Entornos
Comunitarios Protectores para a Infancia e Adolescencia.
E finalmente; crear unha Mesa local de Infancia e Adolescencia entre as persoas asistentes que queiran participar. O ideal sería poder contar como mínimo cunha persoa representante de cada ámbito.
Pérez Barral sinalou a importancia destas xornadas, “a protección da infancia alén de ser unha responsabilidade legal; é un compromiso ético e social que nos debe ocupar a todas e todos. Desde as institucións públicas ata os profesionais da educación, da saúde, do deporte e do ocio, temos a obriga de construírmos contornos seguros e protectores para que as crianzas e adolescentes poidan medrar nunha contorna de respecto, apoio e liberdade”.
O rexedor expresou o seu agradecemento ás profesionais que compartirán os seus coñecementos e experiencias, así como ás persoas asistentes, pola súa vontade de sumar esforzos e asumir responsabilidades nesta tarefa tan necesaria. Tamén agradeceu aos equipos que fixeron posible esta xornada.
Ribeira como referente
Para finalizar Barral falou do compromiso “Hoxe, aquí, reafirmamos o noso compromiso de converter o Concello de Ribeira nun referente na protección da infancia e adolescencia. Porque investir no bo trato e no benestar dos máis novos é construír un futuro mellor para toda a sociedade".