null O Concello de Ribeira homenaxeará ás cociñeiras do municipio no Día da Muller
O Concello de Ribeira homenaxeará ás cociñeiras do municipio no Día da Muller

O evento terá lugar o mércores 8 de marzo a partir das 18 horas

Con motivo da celebración do Día Internacional da Muller, o Concello de Ribeira vai homenaxear este ano ás cociñeiras do municipio.

O evento terá lugar o mércores 8 de marzo a partir das 18 horas no salón de plenos do consistorio  e contará coa intervención de Lucía Freitas, prestixiosa chef galega dos restaurantes A Tafona e Lume cunha estrela Michelín e dous soles Repsol, que falará da súa profesión dende unha perspectiva de xénero.

Chamamento

Ana Barreiro informou de que xa hai confirmada a participación de case medio cento de cociñeiras froito das chamadas  que se están a realizar. Non obstante, matizou que, se por algunha razón algunha profesional da cociña do municipio non fose contactada, non dubide en sentirse convidada. A tal efecto animou a dirixirse ao CIM  (teléfono: 981 870 131 / mail: cim@ribeira.gal) e comunicar o desexo en tomar parte no acontecemento.

O acto tamén contará coa implicación do alumnado do obradoiro de emprego Tahume VIII, tanto na especialidade de cociña (que preparará unhas galletiñas para as asistentes, entre as cales se contarán ademais algunhas das integrantes desta escola formativa), como de montaxe de redes, que elaborou uns agasallos confeccionados con este material.

Por outra parte, o 8-M traerá por primeira vez unha ópera a Ribeira. O espectáculo terá lugar o propio mércores a partir das 20.30 horas no Auditorio, con entrada libre ata completar aforo. A función chámase “Papagena” e trátase dunha ópera contemporánea de Iago Hermo en clave de igualdade.

Exposición no Museo do Gravado

Ademais, do 22 de marzo ao 12 de abril exhibirase no Museo do Gravado de Artes en colaboración coa Deputación unha exposición conmemorativa baixo o título “Nós somos elas”. O seu horario: de martes a sábado de 9.30 a 16 horas e os festivos de 10 a 13 horas.