Fonte: O Barbanza
26 Marzo 2025
O alumnado do Obradoiro de Emprego Tahume X, da especialidade do Certificado de Actividades Auxiliares en Conservación e Mellora de Montes, continúa avanzando no seu proceso formativo e, nos últimos días, realizou unha actividade de poda e plantación de frondosas, en colaboración da Comunidade de Montes de Baroña.
O alumnado podou diversas árbores autóctonas como castaños, carballos e nogueiras, entre outras, para logo realizar unha práctica de plantación de árbores frondosas onde se encargaron de todo o proceso completo. Así, realizaron as covas, plantaron as árbores e puxeron abono.
Tras a actividade, o alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, indicou que “o alumnado continúa aproveitando este programa mixto de formación e emprego con formacións coma esta na que puideron aprender de primeira man a técnica de poda e plantación de frondosas. Ademais, tiveron a sorte de seguir, sempre con gran atención e ao pé da letra, todas as indicación e explicacións de Ovidio co fin de que o traballo saíra o mellor posible”.
O Obradoiro de Emprego Tahume X, impulsado de xeito conxunto polos Concellos de Porto do Son e Ribeira, seguirá colaborando en vindeiras datas coa Comunidade de Montes de Baroña para levar a cabo diferentes actividades e visitas no propio monte de parroquia sonense.
“Estamos moi satisfeitos de poder levar a cabo esta iniciativa que favorece a inserción laboral da veciñanza e impulsa o emprendemento local, ademais de ser unha gran oportunidade para a formación das persoas, promovendo a empregabilidade na comarca”, concluíu o rexedor.