Fonte: O Brabanza
O alumnado do Obradoiro de Emprego Tahume X, impulsado polos Concellos de Porto do Son e Ribeira para impulsar o inserción laboral na contorna destes municipios do Barbanza, atópase estes días mergullado na vertente máis tecnolóxica da súa formación: o Módulo de Alfabetización Informática da décima edición de Tahume. Este módulo diríxese a dotar ás alumnas e alumnos das competencias dixitais básicas (uso de computadores, ferramentas ofimáticas, correo electrónico, principais aplicacións) que lles permitan mellorar a súa empregabilidade e que lles sirvan de complemento imprescindíbel para a súa actividade profesional futura. Para o seu desenvolvemento, o obradoiro conta coa estreita colaboración da técnica da Aula CeMIT de Ribeira, Rebeca Crujeiras.
Dúas especialidades
O Obradoiro de Emprego Tahume vén na súa décima edición con dúas especialidades de Actividades Auxiliares en Conservación e Mellora de Montes e Traballos de Carpintería e Moble.Este obradoiro laboral é un programa mixto de formación e emprego dirixido a mellorar a ocupabilidade e empregabilidade das persoas que actualmente están paradas, e que está subvencionado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e promovido polos Concellos de Ribeira e Porto do Son, con dez alumnos de cada unha desas localidades. Ademais, como incentivo, a Xunta de Galicia realiza unha achega de 30.000 euros para fomentar a empresas que contraten a persoas formadas neste obradoiro.
Ademais da formación específica de carpintería e forestal, o alumnado recibirá formación en competencias dixitais, igualdade, medio ambiente, orientación laboral ou autoemprego, entre outras. Por outro lado, o alumnado participante que non estea en posesión da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) recibirá formación específica para a súa preparación e obtención.