Porto do Son, 2 de decembro de 2024
Participarán 20 alumnos/as, 10 de Porto do Son e 10 de Ribeira, e impartirase as especialidades de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e en traballos de carpintería e moble.
A casa da cultura de Xuño acolleu hoxe a presentación da décima edición do obradoiro de emprego Tahúme, que comparten os Concellos de Porto do Son e Ribeira.
Así, durante os próximos nove meses impartiranse as especialidades de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e en traballos de carpintería e moble.
Trátase dun programa mixto de formación e emprego dirixido a mellorar a ocupabilidade e empregabilidade das persoas que actualmente están paradas, e que está subvencionado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e promovido polos Concellos de Ribeira e Porto do Son, con dez alumnos de cada unha desas localidades. Ademais, como incentivo, a Xunta de Galicia realiza unha aportación de 30.000 euros para fomentar a empresas que contraten a persoas formadas neste obradoiro.
O alcalde sonense, Luis Oujo, destacou no acto de presentación, ao que tamén acudiu o concelleiro de Medio Ambiente, Juan José Calo, a importancia destes talleres “que contribúen ao desenvolvemente económico e ofrecen oportunidades de emprego real na nosa contorna”.
“Esta é unha mostra máis da aposta do Concello mellorar a inserción laboral da veciñanza e por impulsar o emprendemento local”, ademáis animou “a todas as persoas participantes a desfrutar desta experiencia de cara a mellorar a súa formación, que lles permitirá optar a postos de traballo máis estables”, concluíu.
Á presentación acudiu a concelleira de Promoción Económica, Veva Betanzos, e o alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, que puxo en valor “que ademais de formar a persoas en ámbitos como madeira ou forestal, o alumnado dos obradoiros desenvolven un labor beneficioso para toda a comunidade xa que os traballos desenvólvense en espazos públicos que desfrutan todas as veciñas e veciños”.
Listaxe de proxectos/obras previstas en Porto do Son neste Obradoiro:
- Mantemento das pasarelas de madeira na praia de Coira, Portosín.
- Reparación do peche de madeira do parque infantil da Casa da Cultura de Caamaño.
- Instalación dun peche de madeira para o parque infantil de Nebra.
- Mellora da masa arbórea existente e creación de doutras en zonas desarboradas acorde á súa calidade de estación na parroquia de Miñortos.
- Mellora da masa arbórea existente e creación de doutras en zonas desarboradas acorde á súa calidade de estación no lugar de Trapa, na parroquia de Goiáns.
- Mellora da masa arbórea existente e creación de doutras en zonas desarboradas acorde á súa calidade de estación no lugar de Coira, na parroquia de Goiáns.
- Mellora da masa arbórea existente e creación de doutras en zonas desarboradas acorde á súa calidade de estación no lugar de Arnela, na parroquia de Baroña.
- Mellora da masa arbórea existente e creación de doutras en zonas desarboradas acorde á súa calidade de estación no lugar de Castro, na parroquia de Baroña.
- Mellora da masa arbórea no lugar de Xan Pasal, parroquia de Queiruga.
- Mellora da masa arbórea no lugar de Madalena, parroquia de Ribasieira.
- Mellora da masa arbórea no lugar da Ponte Medieval, parroquia de Xuño
Listaxe de proxectos/obras previstas en Ribeira:
- Pasarela de madeira no campo de fútbol do Carreiro en Aguiño
- Renovación dos accesos á pasarela da praia do Castro en Castiñeiras
- Reconstrución da ponte de madeira do río Listres entre Aguiño e Castiñeiras
- Restauración e bancos: Entorno da pasarela da Praia do Castro en Castiñeiras así como outras tarefas en madeira
- Actividades auxiliares en conservación e mellora do Monte de San Roque e do río Pedrín
Ademais da formación específica de carpintería e forestal, o alumnado recibirá formación en competencias dixitais, igualdade, medio ambiente, orientación laboral ou autoemprego, entre outras. Por outro lado, o alumnado participante que non estea en posesión da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) recibirá formación específica para a súa preparación e obtención.