Ribeira, 11 de setembro de 2024
O Concello de Ribeira prosegue realizando tarefas de mantemento e adecuación de servizos á veciñanza. Esta semana remataron dúas actuacións programadas na parroquia de Aguiño, unha foi o remate da ponte do río Listres e a segunda foi a nova localización da parada de autobuses de Aguiño.
O concelleiro de Obras, Xabier Vidal sinalou que a ponte do río Listres “era unha ponte que levaba anos sen mantemento e estaba moi deteriorada, polo cal decidimos facer unha actuación estrutural e integral consistente nunha base de vigas de formigón para facer a ponte máis sólida e simplificar o mantemento”. Segundo o concelleiro, a ponte fíxose en madeira para integrala na contorna e tamén informou que “seguimos mellorando o mantemento tanto no centro de Ribeira como nas parroquias a través da brigada municipal a cal; agradecemos o seu traballo e dedicación así como a comprensión da veciñanza”.
Pola outra banda Fernando Abraldes informou que tal e como estaba previsto para o comezo do novo curso lectivo, recolocouse a parada de autobús a un novo espazo estratéxico para a comodidade da veciñanza de Aguiño por mor do novo estado peonil da anterior.