Ribeira 12 de novembro
O Concello de Ribeira anuncia a regulación dos espazos de parada temporal na rúa Rosalía de Castro e a rúa de Lugo. Esta medida, deseñada pola Policía Local ten como obxectivo mellorar a seguridade viaria e facilitar o acceso aos comercios locais. A medida foi acordada cos comerciantes da zona, mostrándose satisfeitos tras unha reunión na que se presentou e debateu a proposta.
Na rúa Rosalía de Castro habilitaranse tres zonas de parada limitada a 15 minutos para particulares, mentres que na rúa de Lugo dispoñerase dunha zona destas características. Estas áreas permitirán un uso máis eficiente do espazo, favorecendo a rotación de vehículos e facilitando o acceso dos clientes aos establecementos de ambas as rúas.
Ademais de fomentar a actividade comercial, a regulación busca contribuír á seguridade viaria mediante a redución da velocidade do tráfico nestas vías. A implementación destas zonas de parada contribuirá a calmar o tráfico, garantir que as persoas teñen maior prioridade e minimizar o risco de atropelos, aínda permitindo a circulación de vehículos.
O alcalde de Ribeira, Luís Pérez, destacou a importancia desta medida ao tempo que subliñou o diálogo cos comerciantes locais: “esta iniciativa non só facilita o acceso aos negocios, senón que reforza a seguridade dos nosos veciños e veciñas. Traballamos conxuntamente co sector comercial porque cremos que as decisións deben tomarse escoitando a quen vive e traballan
nestas rúas.
Con estas medidas, buscamos un equilibrio entre mobilidade, seguridade e dinamización económica”*. Desde o Concello de Ribeira destacamos que esta medida é o resultado dun
diálogo construtivo co comercio local, reflectindo o compromiso municipal coas necesidades dos veciños e a mellora da convivencia urbana.