· As Roteitas Cantareiras percorrerán tódalas parroquias do municipio
. Sete asociacións de Ribeira encherán o roteiro de tradición oral
Ribeira, 10 de abril de 2025
A Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras Galegas 2025 á poesía popular oral; ás cantareiras. Coa intención de espallar este espírito por todo o concello, a concellería de Cultura fixo un chamamento a seis asociacións do municipio que logo se uniron para darlle forma ao proxecto “As Roteiras Cantareiras”.
O acto estivo presidido polo rexedor e a concelleira de Cultura xunto coas representantes das asociacións que participarán no evento.
A concelleira, Antía Alberte sinalou, “pensamos en facer unha actividade que homenaxeara ás nosas cantareiras municipais, Ribeira é un concello rico en numerosos grupos de mulleres que levan anos cantándoo seu variado repertorio e facendo diferentes actividades durante o ano ao longo do municipio”. Antía tamén resaltou a actividade didáctica que se está facendo cos cativos e cativas “para dotalos deste saber popular”.
Os roteiros de desenvolveran en diferentes datas durante a primavera, darán comezo o domingo 27 de abril en sesión vermú coa presenza de Bailadela e Sete Linguas de Aguiño visitando a parroquia de Palmeira, o 3 de maio coas pandeireteiras Airiños da Guía máis As Pandeireteiras de Carreira que visitarán Corrubedo e Olveira. O 17 de maio, o Día das Letras Galegas en Ribeira se celebrará un pasa rúas de Tahume e tamén estará Bailadela e Sete Linguas na praza da Porta do Sol, o 24 de maio As Garridiñas e as Silvalveiras das Amas de Casa visitaran Oleiros e Artes, o 31 de maio a Tahume tocaralle Carreira e Castiñeiras e se pecha este roteiro o 14 de xuño coas Cantareiras e As Ferreñas que irán a Aguiño.
Todo isto se concretará con cartazes máis un espazo web en ribeira.gal que informarán dos horarios e as localizacións que serán as máis emblemáticas de cada parroquia.
Por outra banda Pérez Barral monstruouse satisfeito e contento por presentar esta nova iniciativa conxugada coa celebración do 17 de maio, “temos que indicar que as cantareiras ao longo da historia do noso país, foron as primeiras transmisoras da cultura popular e da transmisión oral da lingua galega; as cantareiras o que facían era ensinarlle aos seus fillos e fillas novas expresión cun rico vocabulario que se preserva até o día de hoxe grazas ao traballo das mulleres”. Barral rematou poñendo en valor que a tradición oral en Galiza ten moito percorrido e moito futuro, quixo tamén constatar que o municipio de Ribeira “é unha terra con fortes vínculos co folclore, temos grupos de cantareiras practicamente en tódalas parroquias e ademais contamos con xente importante a nivel galego e internacional”.