Buscador

Ribeira avanza na mellora das infraestruturas básicas en Oleiros 
Whatsapp: Ribeira avanza na mellora das infraestruturas básicas en Oleiros 

· O goberno visita as obras de pavimentación nos Muíños e informa novos investimentos previstos

Ribeira, 10 de abril de 2025

Membros do Goberno Municipal do Concello de Ribeira, encabezado polo alcalde, realizou hoxe unha visita ás obras de pavimentación que se están a executar no lugar dos Muíños, na parroquia de Oleiros. A visita tivo como obxectivo fiscalizar o avance dos traballos e supervisar de primeira man o correcto desenvolvemento desta actuación que forma parte dun plan máis amplo de mellora das infraestruturas viarias e de servizos do municipio.

Durante a visita, o alcalde Luís Pérez Barral, destacou que xa se levan investidos 167.000 euros nos últimos meses, repartidos en 67.000 euros destinados á pavimentación de Os Muíños e 100.000 euros máis para dotar de saneamento e mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade na zona da Gándara.

Ademais, anunciou que o Concello está a piques de adxudicar dúas novas actuacións no ámbito deportivo, cun investimento conxunto de 165.000 euros. Devanditos fondos destinaranse á renovación dos vestiarios -150.000 euros- e á instalación de novas luces LED no campo de fútbol municipal -15.000 euros-, mellorando así as instalacións e promovendo a eficiencia enerxética.

De cara ao final do presente ano tamén está prevista a pavimentación dun novo ramal nos Muíños, cun orzamento de 53.000 euros, continuando coa mellora das vías nesta contorna rural.

Por outra banda, o rexedor adiantou que para o vindeiro ano tamén está contemplada a ampliación do sistema de saneamento a diferentes zonas do municipio cun investimento estimado de 85.000 euros, dentro do compromiso do Goberno local de seguir avanzando na modernización dos servizos básicos nas parroquias.

Estas actuacións en conxunto suman 470.000 euros que permiten seguir a folla de ruta do Goberno Municipal de Ribeira para estender os servizos esenciais como pavimentacións, saneamentos e dotación de auga potable para aumentar a calidade de vida da veciñanza. “Estes investimentos dan resposta ás peticións veciñais”.

A concelleira de Facenda, Herminia Pouso salientou que “as pavimentacións son algo moi demandado polo veciñanza así como outros servizos básicos que son as cuestións que temos que priorizar nas liñas de traballo; e así o estamos facendo” para rematar engadiu “para min é unha satisfacción ver como pouco a pouco se van atendendo as demandas dos veciños e veciñas”.