Buscador

O obradoiro de Emprego Tahúme X mellora espazos públicos de Ribeira e Porto do Son
Whatsapp: O obradoiro de Emprego Tahúme X mellora espazos públicos de Ribeira e Porto do Son

⎯ A delegada da Xunta visitou acompañada dos alcaldes de Ribeira e Porto do Sob o taller de formación centrado en conservación e mellora de montes e en carpintaría e moble

Ribeira, 8 de abril de 2025.- A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polos alcaldes de Ribeira, Luís Pérez Barral, Porto do Son Luis Oujo  e polo director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, visitou o obradoiro de emprego Tahume X, de Ribeira e Porto do Son, centrado en actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e en traballos de carpintaría e moble. A delegada destacou que na edición deste obradoiro en 24-25, xunta coa edición deste mesmo taller o ano pasado 23-24, a Xunta investiu case un millón de euros.
 
A delegada destacou que este taller de emprego ten unha duración de 9 meses, grazas a un investimento de case 412.000 euros e no que os 20 alumnas e alumnos realizarán intervencións de interese público nestes dous concellos.
 
A representante do Goberno autonómico puxo en valor as actuacións que realizarán os alumnos na parte práctica destes cursos.
 
No Concello de Ribeira as intervencións das alumnas e os alumnos serán a construción dunha pasarela de madeira no campo de fútbol de Carreira, a renovación dos accesos á pasarela da praia do Castro en Areeiros, a reconstrución de pontes no río Listres, a restauración de bancos de madeira na praia de Castro e actividades de conservación e mellora do monte de San Roque e río Pedrín.

Belén do Campo destacou que “os obradoiros de emprego permiten dotar a nosa poboación activa de formación de calidade ao tempo que desenvolven un traballo produtivo de utilidade pública ou interese social, coa posibilidade de acreditalo a través dos certificados de profesionalidade”. “O obxectivo –incidiu– é seguir mellorando o emprego 


nos concellos galegos, adaptando a oferta formativa ás demandas e necesidades de contratación da zona”. Neste senso, animou a todos os participantes a aproveitar a formación que van a recibir para buscar traballo e incluso para iniciar o seu propio negocio “porque cando rematedes estes 9 meses estaredes preparados para traballar nuns sectores que precisan, nestes momentos, de profesionais cualificados”, subliñou.

Nos obradoiros de emprego a Xunta de Galicia encárgase de financiar a formación profesional para o emprego (medios, materiais, contratación de persoal...), así como os custos salariais derivados dos contratos de traballo subscritos co alumnado.

Pérez Barral destacou a colaboración interinstitucional para a realización destes obradoiros, “estamos vendo como este obradoiro de Tahume X é unha boa mostra de que cando as diferentes administracións nos poñemos a colaborar man a man; somos capaces de levar adiante proxectos tan importantes como o que nos ocupa”. Destacou que os obradoiros que se están impartindo tanto o de forestal como o de carpintería son moi demandados na actualidade, “e ademais aportan traballos moi importantes para a comunidade, no caso de Ribeira o obradoiro forestal está traballando no Parque Pertúrbano de San Roque e o de carpintería na renovación da pasarela de madeira que temos en Castro-Catía”. O rexedor quixo puntualizar que este obradoiro aparte de formar á xente, “posibilita un beneficio social a toda a comunidade de Ribeira”.

Para finalizar agradeceu tamén ao obradoiro de cociña da Asociación Ambar que prepararon uns petiscos para a ocasión.