A Policía Local de Ribeira levará a cabo ao longo desta semana unha campaña especial de control de velocidade que volverá estar centrada nas contornas escolares e nas estradas do municipio onde se rexistran habitualmente velocidades excesivas. Esta acción responde ás demandas da veciñanza e da comunidade educativa, que veñen reclamando medidas para mellorar a seguridade viaria nestas áreas.
Durante estes días, os axentes realizarán controis específicos en puntos sensibles como colexios, institutos e rúas con alta densidade de tráfico, co obxectivo de previr accidentes, evitar atropelos e garantir traxectos seguros para a rapazada.
O alcalde de Ribeira, Luís Pérez, subliñou que xa se fixo unha en setembro tras escoitar ás comunidades escolares e a veciños e veciñas de diversas zonas que advertiron sobre a perigosidade dalgunhas estradas. “Actuaremos especialmente onde se detectan condutas reincidentes de exceso de velocidade para frear comportamentos perigosos e reforzar a protección dos peóns, porque o obxectivo é salvar vidas”.
Desde o Concello faise un chamamento á colaboración cidadá e á responsabilidade no cumprimento das normas de circulación. A seguridade viaria é unha tarefa colectiva, e esta campaña busca fomentar a concienciación para ter unha cidade segura e sen accidentes.
O rexedor tamén informou de que seguirán avaliando as necesidades do municipio para aplicar novas medidas de calmado de tráfico como as xa implantadas con pasos de peóns elevados, co reforzo da sinalización e pintura viaria.