Buscador

O Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia volve onde naceu
Whatsapp: O Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia volve onde naceu

A organización agarda a chegada duns 150 barcos no XVII Encontro de Embarcacións Tradicionais que se celebrará en Ribeira este verán.

Ribeira 5 de abril de 2025

Ribeira será a sede do XVII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que se celebrará entre os días 17 e 20 de xullo de 2025. Deste xeito, o Encontro volve ás súas orixes xa que foi nesta cidade onde se celebrou no ano 1993 a primeira edición, comezo dunha xeira de éxito que en 2025 cumpre 32 anos de vida. 


Na organización deste 17 Encontro traballan xa desde finais do ano pasado a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial – Culturmar – , o Concello de Ribeira e a Real e Ilustre Confraría da Dorna de Ribeira. Hoxe presentaron conxuntamente o cartel oficial e o vídeo promocional do evento, xunto con algunhas das actividades que se levarán a cabo ao longo de catro días.  

 Os organizadores prevén unha gran asistencia de barcos. Estiman poder alcanzar as  150 embarcacións que chegarán a Ribeira desde distintos puntos da península, de Europa e incluso de América, cunha delegación que nos visitará desde Chile.  

O presidente de Culturmar, Xosé Luis Sacau, lembrou que este XVII Encontro “volve á  casa” despois de 32 anos. Durante estes días, serán moitas as asociacións e colectivos que presentarán en Ribeira o seu traballo ao tempo que a vila “exhibirá ao mundo o seu patrimonio”.  “Ribeira presentarase ao mundo e o mundo presentarase en Ribeira”, concluíu. 
Sacau quixo facer un chamamento á participación cidadá para que decore as casas e balcóns con motivos mariñeiros “para que Ribeira sexa o epicentro da cultura marítima a nivel mundial”. Tamén destacou a importante labor do voluntariado, “unha das pezas básicas dos encontros” e anímaos a facelo para “que se sintan partícipes da festa”.  

O alcalde, Luís Antonio Pérez Barral, dixo que era un orgullo para Ribeira acoller esta 17 edición do Encontro. “Volvemos a recuncar e queremos que o pavillón quede moi alto”, afirmou. O  rexedor explicou que durante varios días a vila será “un fervedoiro de xente” o que lles permitirá dar a coñecer o seu patrimonio marítimo, cultural e gastronómico. “Somos unha potencia pesqueira a nivel mundial e temos que traballar para que as novas xeracións aprendan que o mar ten un potencial que debemos preservar”, afirmou Pérez Barral, quen sinalou que “entre os días 17 e 20 de xullo, vaise ver a todo un pobo unido festexando de onde vén e, sobre todo, a onde quere ir”.   

Pola súa banda, o presidente da Real e Ilustre Confraría da Dorna de Ribeira, Juan José Segade, explicou o forte vínculo de Ribeira coa tradición mariñeira: “A nosa cultura saíu do mar e aínda hoxe en día somos un punto neurálxico da tradición marítima”, sinalou.  
Ao remate da presentación, visionouse o vídeo promocional, que contou coa colaboración  desinteresada do artista local Quico Cadaval, que pon a voz, e de Catuxa Salom, que cedeu a música.  


Na páxina web do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia poderedes atopar xa un adianto da programación cultural para todos os públicos prevista para eses días, que inclúe concertos, teatro, títeres, coloquios, artesanía, exposicións, obradoiros e monólogos. Tamén poderedes ver o vídeo promocional e toda a información relativa ás embarcacións inscritas e un formulario e información sobre o voluntariado.   

Máis información: https://culturmar.org/