Buscador

Comeza a campaña de castración das colonias felinas de Ribeira
Whatsapp: Comeza a campaña de castración das colonias felinas de Ribeira

Venres 4 de abril de 2025

Hoxe presentouse a campaña de castración das colonias felinas de Ribeira, ao acto compareceron, a concelleira de Benestar Animal, Antía Alberte e a presidenta de Callejeros Barbanza, Rosa Gómez.

Un ano máis comeza no Concello de Ribeira esta campaña de castración, por necesidade; xa que actualmente hai un problema grande coas colonias felinas a nivel xeral, na administración local recae a responsabilidade de controlar estas colonias segundo a nova Lei de Benestar Animal pero aos concellos lle é moi dificil asumir este control polo que se reclama a axuda de entidades supra-municipais ou a asociacións locais. A concelleira informou que “somos os responsables locais os que recibimos de primeira man esa demanda veciñal; vese a moita xente concienciada que desexa que os animais estean nas mellores condicións pero tamén detectamos un problema neste senso”; cada vez son máis as persoas que empatizan cos animais, e se manifesta unha sensibilidade ao respecto, “a xente os alimenta por compaixón, pero non se castran e ao final se acaba xerando unha colonia descontrolada”. 

O que se quere fomentar dende a concellería é concienciar e que se remate ese proceso, Antía recordou que se pode sancionar a persoas que alimentan aos gatos que non teñan un carné de alimentador felino; “dende o concello xa levamos dúas formacións e no futuro se anunciarán máis”. A concelleira significou que dende o concello non se está sancionando “porque pensamos que o ideal e fomentar que as persoas que teñan esa compaixón se fagan alimentadoras para así ter un contacto directo  co concello, e as protectoras e así levar entre todos/as este tema dunha forma coordinada que aporte datos para deseñar futuras accións e protocolos a seguir”.

É básico comprender a alta taxa de reprodución que teñen os felinos, unha gata pode ter até tres camadas ao ano, por iso é tan importante a castración xunto coa concienciación para controlar esas colonias felinas.

Aberte anunciou que se priorizará a castración de colonias onde os veciños e veciñas estean dispostos/as a facer unha achega económica; “porque hai moita demanda e poucos medios, temos que establecer un criterio de prioridades onde non se busque un culpable e entre todos e todas arranxar o problema das colonias”, rematou a súa intervención aludindo a “que é unha carreira de fondo e que este ano hai novamente unha partida da concellería para a devandita castración pero que é vital a colaboración veciñal”.

A entidade que colaborará co concello para o proceso de castración é Callejeros Barbanza, a concelleira agradeceu persoalmente á súa presidenta Rosa Gómez polo seu traballo  e esforzo xunto con todo o voluntariado.

Rosa Gómez corroborou as palabras da concelleira, afirmando que si que hai un gran problema coas colonias, “saímos ano tras ano castrando gatos, o concello pon moito da súa parte e tamén a nosa protectora con fondos propios, coa axuda de tódolos voluntarios/as, da xente e tamén de subvencións”.  Rosa lembrou que cada ano as colonias necesitan actuacións novas, “este ano esperamos ou temos o obxectivo de actuar en colonias novas, tamén é fundamental o tema da desparasitación”, para rematar Rosa agradeceu “ao concello que conte con nós, somos os que de verdade coñecemos a situación e valoramos a achega económica para tratar as colonias”.