Ribeira, 17 de novembro de 2024
No acto estiveron o alcalde de Ribeira, o tenente alcalde, a concelleira de Educación e os concelleiros de Sanidade e Mar.
O tenente de alcalde destacou o labor das persoas maiores na construción da parroquia e reafirmou o compromiso do Concello para mellorar a súa calidade de vida.
Durante o encontro, o alcalde expresou o seu agradecemento aos maiores por todo o que achegaron ao longo das súas vidas ao desenvolvemento e benestar de Aguiño. “Vós construístes esta parroquia co voso esforzo, traballo e formando familias”, sinalou.
O evento, que reuniu a preto de 300 veciños e veciñas, serviu como espazo para reforzar os lazos de unión e gozar dun día cargado de bos momentos. Nas súas palabras, o alcalde reiterou o compromiso do Concello con este colectivo, lembrando que "as persoas maiores merecen uns servizos públicos de calidade e asegurou “seguiremos traballando para coidar de vós".
Finalmente, agradeceu á parroquia de Aguiño e Carreira e aos organizadores o seu esforzo en facer posible este evento. “Se algo aprendín de vós é que non hai idade para desfrutar das coisas realmente importantes: familia, amizades e dos momentos como este. Grazas por este día, seguide así porque sodes o corazón da parroquia de Aguiño”.