20 de xaneiro
A realidade social actual de Ribeira, e do noso contexto global, difire de maneira significativa da de finais do século pasado.
Dende comezos do novo milenio até hoxe os cambios na conformación da poboación aceléranse cada vez máis co incremento da inmigración internacional, os cambios xeracionais e a maior esperanza de vida, a conformación das familias, o recoñecemento de lexítimos dereitos a colectivos discriminados por razón de sexo ou orientación sexual , a atención á diversidade funcional,… Tamén o cambio climático e os usos do territorio, así como o desenvolvemento das tecnoloxías e da información e a comunicación, entre outros, está a supoñer a conformación dunha atmosfera social e cultural moito máis diversa e complexa que pode facilitar a aparición de máis tensións e conflitos ao tempo que maiores oportunidades para un maior enriquecemento da vida na comunidade.
Hoxe tivo lugar no CEIP de Frións a presentación de “Di-Versos, cancións para a diversidade” un pioneiro obradoiro de composicións de cancións promovido polo departamento de Servizos Sociais do concello e levada a cabo polo compositor local, Fernando Pérez, ben coñecido en Ribeira pola súa dilatada traxectoria musical e pioneiro como “xastre de partituras para compoñer cancións e bandas sonoras a medida”.
Na presentación estiveron presentes, a concelleira de Igualdade, Cruz Rivadulla, a concelleira de Servizos Municipais, Tania Redondo, a directora do CEIP de Frións, Josefa Otero, o docente, Luis Teira, a coordinadora dos Servizos Sociais do concello, Francisca Vidal, e o compositor e músico, Fernando Pérez.
Fernando Pérez explicou os obradoiros: “se trata de levar as cancións aos coles; de que a rapazada vexa como se crea unha canción. A temática é a da diversidade porque consideramos interesante mandar mensaxes a través das cancións e sobre todo aos alumnos en idade escolar onde aínda se están a formar como persoas e creemos que este tipo de valores deben de acompañalos durante o resto da súa traxectoria vital”. Pérez tamén comentou que a letra das cancións está escrita polos alumnos do obradoiro, baixo pequenas indicacións do mesmo.
Co obxectivo de favorecer a perspectiva da diversidade como factor fundamental para a mellora da calidade de vida e co convencemento de que a diversidade enriquécenos, o departamento de servizos sociais propón un innovador proxecto de intervención educativa comunitaria, como acción orientada a contribuír e impulsar accións encamiñadas á prevención de hábitos e crenzas discriminatorias, insolidarias, violentas,… que poden ser favorecidas pola situacións de inestabilidade e rápidos cambios.
A tolerancia, a amizade, o respecto, a solidariedade serán valores a promover, xunto coa toma de conciencia da diversidade en múltiples ámbitos da vida cotiá.
“DI-VERSOS. Cancións diversas pola diversidade”.
Neste programa proponse a participación dunha aula de terceiro ciclo de cada centro educativo de ensino primario do concello de Ribeira, na que os/as alumnos/as compoñerán, interpretarán e gravarán unha canción -co asesoramento e acompañamento dun profesional de contrastable capacidade e experiencia-, relativa a calquera tipo de diversidade, sexa cultural ou natural, promovendo valores como: xustiza, liberdade, igualdade, equidade, comprensión, respecto e/ou apoio mutuo. Cada composición será tamén inserida nun vídeo no que apareza subtitulada a letra e no que, na súa elaboración, debe colaborar o centro de ensino co profesional que imparte e monitoriza a actividade, así como na súa posterior divulgación nas webs e redes do centro e do concello.
Coa implicación e participación activa da propia comunidade na promoción de valores establecidos na declaración universal de dereitos humanos, aprendémonos a ser mellores.
As actividades realizaranse principalmente no primeiro trimestre do ano 2025 e irán orientadas especialmente a alumnos/as do 3º ciclo de primaria, sendo decisión do centro a elección do grupo/aula a participar.
Xa está confirmada a participación de Ceip Pluriligüe Frións, Ceip Heroínas de Sálvora de Aguiño, Ceip de Olveira, Ceip Pluriligüe O Grupo de Ribeira, CEP Plurilingüe de Carreira, CEIP Pluriligüe de Artes, Colexio Galaxia de Ribeira, Colexio A Milagrosa de Oleiros, Colexio Sagrado Corazón de Castiñeiras e Colexio Bayón de Ribeira. Participarán máis de 250 rapaces e rapazas do 3º ciclo de primaria dos centros participantes.