O Servizo de Orientación Laboral do Concello de Ribeira, membro da rede de centros colaboradores do Servizo Público de Emprego de Galicia en materia de orientación laboral, ofrece ás persoas desempregadas ou en mellora de emprego, información e asesoramento individualizado en materia de emprego e formación, co fin de axudalas a mellorar a súa empregabilidade e cualificación, así como a súa autonomía na busca de emprego, a través da “información, o diagnóstico individual, o asesoramento, a motivación e o acompañamento nos procesos de acceso e cambios laborais”.
Esta atención préstase a través de citas de orientación laboral individual e/ou a realización de itinerarios personalizados de emprego, nos que, partindo do diagnóstico inicial e a delimitación do perfil profesional da persoa, trabállase de forma individualizada e ao longo do tempo (máximo 6 meses) sobre os distintos factores que inciden na súa empregabilidade, co fin de achegala ao seu obxectivo profesional.
O servizo está dirixido a persoas demandantes de emprego ou en mellora de emprego, inscritas como tal no Servizo Público de Emprego de Galicia; por este motivo é necesario ter a demanda de emprego activa para poder solicitar cita.
Como solicito unha cita?
- Enviando un correo electrónico a: orientacion.laboral@ribeira.gal (indicando nome e apelidos,
DNI e motivo). - Chamando por teléfono: 981 87 14 97.
- Presencialmente, na oficina do Servizo de Orientación Laboral.
O servizo está situado no Viveiro de Empresas do Concello de Ribeira (antigo matadoiro municipal), preto das instalacións polideportivas da Fieiteira.