Buscador

O Concello de Ribeira abre o prazo para optar á concesión do bar-cafetería do Centro Social de Carreira
Whatsapp: O Concello de Ribeira abre o prazo para optar á concesión do bar-cafetería do Centro Social de Carreira

Ribeira, 27 de marzo de 2025

DOCUMENTACIÓN NO TABOLEIRO: https://bit.ly/4hRuijs

No día de hoxe ábrese o prazo até o vindeiro 28 de abril para presentar as ofertas de licitación para outorgar a concesión demanial para a explotación bar-cafetería do Centro Social de Carreira.

A concesión será por un período de dez anos, no que se considera amortizado o investimento realizado. Haberá un canon mínimo de 3.600€ euros anuais, IVE incluído cun período de carencia dos dous primeiros anos.

O procedemento é aberto, a oferta a presentar polos licitadores será por mellora do canon mínimo de 3.600€ á alza.

Haberá dúas modalidades para presentar a oferta:

1ª.  Presentación de forma electrónica, a través de SILEX (https://www.conselleriadefacenda.es/silex) no prazo de 30 días naturais desde a publicación da licitación no Perfil da Contratante-Plataforma de Contratación do Sector Público e conforme os requisitos técnicos establecidos na citada Plataforma. A licitación electrónica e a presentación de ofertas electrónicas implica que a documentación poderá enviarse en arquivos ou sobres virtuais, durante o prazo de presentación de ofertas, na Plataforma de Contratación do sector público, durante as 24 horas do día. Se o último día do prazo de presentación de ofertas resulta ser inhábil, prorrogarase o prazo ata o seguinte día hábil.

2ª.  Presentación en papel, a través do Rexistro Xeral do Concello de Ribeira no prazo de 30 días naturais desde a publicación da licitación no Perfil do Contratante do Concello de Ribeira- Plataforma de Contratos Públicos de Galicia.

Se algún dos licitadores fixese uso da facultade de presentar as súas ofertas por correo, segundo o disposto no art. 80 do RGLCAP, deberá acreditar, co resgardo correspondente, a data de imposición do envío na oficina de correos e comunicar no mesmo día ao órgano de contratación, por correo electrónico (contratacion@ribeira.gal), a remisión da proposición. Sen a concorrencia de ambos os requisitos non será admitida a proposición no caso que fose recibida fóra do prazo fixado no anuncio de licitación. Con todo, transcorridos 3 días naturais desde a terminación do prazo, non será admitida ningunha proposición enviada por correo.

A superficie destinada a café-bar son 61,81m2 útiles (cafetería, barra, cociña, almacén-limpeza despensa). A zona das instalacións destinada cafetería carece de mobiliario, polo que a empresa adxudicataria deberá dotar do equipamento necesario o espazo para poder levar a cabo a actividade.

O alcalde, Luís Pérez, informou que con esta medida, o que se pretende é que o espazo teña actividade e se converta nun punto de encontro para a veciñanza, ofrecendo un servizo fundamental para a parroquia.

“Sabemos da importancia deste local como lugar de reunión e dinamización social, polo que esperamos que a licitación esperte interese e poidamos contar cunha xestión que beneficie a toda a veciñanza” asegurou.

“Animamos a todas as persoas interesadas a consultar os pregos da licitación e a participar neste proceso. A apertura deste servizo será un paso positivo para toda a parroquia" concluíu.