Memoria histórica da Barbanza
Whatsapp: Memoria histórica da Barbanza

O 10 de novembro de 2023, coincidindo co 87 aniversario do fusilamento do periodista Manuel Lustres Rivas, inaugurouse no paseo do Malecón de Ribeira a escultura memorial na honra das vítimas represaliadas durante a Guerra Civil e a etapa franquista no concello de Ribeira, obra de Soledad Penalta, escultura aceiro corten, de aspecto oxidado.

Unha escultura destinada a recuperar e revalorizar a dignidade das vítimas esquecidas, das súas familias, e lembrar a todas aquelas persoas que se negaron a ser silenciadas, que sufriron persecución, exilio, encarceramento, ou perderon a súa vida polos seus ideais de progreso, liberdade, benestar e valores democráticos.

A memoria histórica é un dereito de toda sociedade democrática para construír un futuro máis xusto e solidario e que as xeracións futuras aprendan das leccións do pasado e fortalezan a democracia.

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza espera que este Memorial sirva como recordatorio permanente da loita pola VERDADE, A XUSTIZA E A REPARACIÓN.

Documentos
Memoria Histórica do Barbanza anuncia a presentación do  libro ilustrado “Diarios de Julio Silva” e un novo certame xunto coa Nova Escola Galega

Ribeira, 4 de febreiro de 2025

Hoxe tivo lugar a presentación de dúas accións que vai a levar a cabo a comisión para a Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza; por unha banda a presentación do libro ilustrado “Diarios de Julio Silva” e pola outra o anuncio do “I Certame de Memoria Histórica do Barbanza”. 

Á convocatoria asistiron, a concelleira de Cultura, Antía Alberte, o presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza, Carlos Cimadevila e o membro vocal da mesma, Xoán Hermida.

Antía Alberte introduciu o acto de presentación anunciando que o vindeiro sábado 8 de febreiro, ás 19:00 h, o Centro Cultural Lustres Rivas acollerá a presentación do libro ilustrado “Diarios de Julio Silva”, unha obra baseada nos escritos persoais de Julio Silva Vilas, sindicalista, xornalista e activista republicano ribeirense, asasinado en Santiago de Compostela o 29 de xaneiro de 1937 pola represión franquista.

A concelleira agradeceu á MHB: “polo seu traballo, poñendo en valor o coñecemento do noso pasado; son cousas que custan lembrar e dixerir pero é necesario porque ese pasado axúdanos  a ter consciencia do noso presente e axúdanos a construír un futuro”. 

Carlos Cimadevila falou do libro indicando que ofrece unha visión íntima do pensamento e da vida de Silva Vilas, quen foi secretario xeral da UGT en Ribeira, membro da “Juventud Cultural Republicana” e colaborador en xornais como “La Lucha”, “RAIG” e “Ser”. No seu diario, recuperado recentemente pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica de Barbanza (CRMHB), reflíctense as súas ideas, as súas esperanzas e o medo crecente ante a persecución política que finalmente lle custou a vida.

Un testemuño da represión franquista

Julio Silva foi detido tras o golpe de Estado de xullo de 1936 e xulgado en decembro dese ano en Santiago xunto con outros compañeiros e condenado a pena de morte. Os seus escritos, agora recompilados neste libro-álbum, permiten reconstruír non só a súa historia persoal, senón tamén o, contexto político e social da época.

Baseado nas memorias que escribiu no cárcere e que foron redactadas por José Antonio Pérez Fernández, este álbum ilustrado rescata a historia de Julio Silva, un barbeiro valente e comprometido, cuxa vida simboliza a loita pola liberdade e a resistencia fronte á barbarie da Guerra Civil. Cimadevila finalizou agradecendo o apoio do Concello de Ribeira e o Concello de Rianxo xunto cos ilustradores: José Antonio Pérez, Pura Villar e a Mónica Paula Montero.


I Certame de Memoria Histórica do Barbanza

Para rematar Xoán Hermida informou sobre o I Certame de Memoria Histórica do Barbanza “que ten como obxectivo de recoñecer, promover, premiar e difundir publicamente materiais sobre a memoria histórica que, polo seu valor e interese, contribúan ao desenvolvemento educativo de Galicia”. O certame que está organizado conxuntamente ca Nova Escola Galega busca favorecer a innovación, a calidade na educación e a renovación pedagóxica, ao tempo que promove os valores democráticos e a dignidade inviolable da persoa.

Os materiais didácticos presentados deberán estar dirixidos aos diferentes niveis de ensino e tratar calquera tema relacionado coa Memoria Histórica e a Memoria Democrática, que cumpra abordar no desenvolvemento do currículo educativo. Poderán presentarse traballos orientados a educación infantil, primaria ou secundaria (ESO, Bacharelato, FP).