Servizo de Educación e Apoio Familiar (SEAF)

Que é o SEAF?

Un servizo público, gratuíto e voluntario para prestar apoio socioeducativo ás familias, con menores, que precisen axuda en situacións de dificultade, vulnerabilidade social, precariedade económica ou de crise. Tamén ofrecemos asesoramento sobre outros servizos aos que poden acudir as familias, naqueles casos que precisen dunha atención máis especializada.

Na primeira entrevista, despois de contarnos a situación familiar que te preocupa, darémosche información sobre os recursos aos que podedes ter dereito e procedermos a valorar se o SEAF é o servicio idóneo para vós.

A quen vai dirixido?

Calquera familia con menores ao seu cargo, que precise axuda, empadroada no Concello de Ribeira.

 

Como fago para acceder ao SEAF?

 

Ninguén nos ensina a ser nais ou pais... Se precisas axuda na difícil tarefa de educar, pide cita coa traballadora social do SEAF no teléfono 981 874 131 ou escribe a: educadora@ribeira.gal para consultar a túa situación, sen compromiso.

 

En que te podemos axudar?

 

O traballo que facemos adáptase ás necesidades de cada caso. Algunhas das accións que desenvolvemos son:

· Sesións educativas mediante entrevistas grupais e individuais.

· Acompañamentos a outros servizos e institucións: citas médicas, visita a asociacións, reunións coa escola…

· Mediación familiar e para a resolución de conflitos.

· Traballo en rede cos servizos comunitarios de atención á infancia (colexio, centro de saúde, e asociacións)

· Intervención e prevención en situacións de violencia: violencia contra a infancia, bullying, violencia filioparental (de fillos e fillas contra os pais e nais), etc.

· Formación e asesoramento sobre aspectos relacionados coa crianza e o desenvolvemento evolutivo das persoas menores.

· Adestramento en habilidades sociais, educación sexo-afectiva, educación para o uso das pantallas e redes sociais, adquisición de rutinas e hábitos de autonomía e hixiene, establecemento de normas e límites, prevención de situacións de risco na adolescencia, etc.

· Intervención en situacións puntuais de crise: separación-divorcio, dificultade económica, morte ou enfermidade dalgún familiar, problemáticas de saúde mental, aceptación da discapacidade dalgún membro, conflitos na escola, conflitos e discusións dentro ou fóra da familia, situacións de estrés, etc.)

· Orientación en problemas de conduta, necesidades educativas especiais e en recursos para familias con menores con discapacidade ao cargo.

· Promoción da inclusión das persoas menores en actividades de ocio comunitario.

· Derivación a outros servizos educativos e de reforzo escolar.

En definitiva, axudámosche a clarificar e desenvolver o teu proxecto vital como familia.

 

Que profesionais forman o equipo?

 

Traballadora social: Realiza a entrevista de valoración inicial e informa sobre os recursos sociais e económicos aos que pode optar cada familia, en función das súas necesidades e características.

Educadora social: Realiza o acompañamento socioeducativo ás familias que son incluídas no SEAF. Presta os apoios necesarios para que os membros da familia poidan modificar aquelas situacións que atentan contra o seu benestar ou que poidan supoñer un risco para o mantemento do equilibrio familiar.

Psicóloga: Ofrece atención psicolóxica aos membros que o precisen, cando o equipo o considere necesario.

 

Como é o traballo que facemos coas familias?

 

Unha vez que a familia acepta ser incluída no programa, explícanselle as normas de funcionamento e asínase un compromiso de colaboración.

Nas primeiras entrevistas iníciase un proceso de valoración de necesidades e recollida de información, para deseñar o proxecto individualizado de intervención familiar.

Nese documento recolleranse:

  • Os obxectivos de cambio acordados coa familia.
  • As accións que cada persoa está disposta a desenvolver para logralos.
  • A previsión inicial do tempo que durará a intervención, así como a frecuencia das sesións de traballo, que variará en función das necesidades de cada caso e da dispoñibilidade horaria da familia para acudir ás citas coa educadora social.

A familia pode darse de baixa no SEAF voluntariamente, informando previamente á educadora.

Documentos