Ribeira, 25 de outubro de 2024.
No día de hoxe celebrouse unha xuntanza das ANPAS da comunidade educativa de Ribeira para presentar un manifesto conxunto en contra dos recortes na Educación pública por parte da Xunta de Galicia.
Segundo informan en case todos os centros educativos do municipio, dun xeito ou outro, reducíronse o número e as horas do profesorado de Pedagoxía Terapéutica, Audición e Lingua e, coidadores e profesorado de apoio. Sumado á recuperación das merecidas horas de libre disposición dos docentes, diminúe aínda máis o número de apoios nas aulas.
O manifesto redactouse de forma conxunta polas ANPAS do CEIP de Palmeira, “A Gándara” do CEIP de Artes, “Monte Tahume” CEIP de Olveira, CEIP de Frións, “Santa Uxía” do CEIP O Grupo, EEI de Deán Grande e do “Caramecheiro” IES Nº1 de Ribeira; cuxa presidenta, Paz González é tamén voceira nesta xuntanza.
Na convocatoria, a representante das ANPA, Paz González, presentou o manifesto e xunto cos seus compañeiros, mostraron o seu malestar e tamén anunciaron as futuras liñas de acción para que se lles atenda as súas demandas.
O acto contou co apoio do Goberno local de Ribeira representado polo rexedor, Luís Pérez, o segundo tenente de alcalde, Francisco Suárez-Puerta, a concelleira de Educación, Cruz Rivadulla, a concelleira de Facenda, Herminia Pouso, a conselleira de Servizos Municipais, Tania Redondo, a concelleira de Cultura, Antía Alberte, o concelleiro de Mar, Fernando Abraldes e a concelleira de Promoción Económica, Veva Betanzos.
O rexedor mostrou todo o seu apoio e engadiu que “chove sobre mollado; xa no ano 2022 a consellería de Educación aplicou un recorte de 12 profesores no Instituto Nº1, tamén nos últimos anos reduciuse unha aula no CEIP de Palmeira e un longo etcétera, polo tanto, isto segue un camiño de constante deterioro do Ensino público”. Dende oGoberno local de Ribeira manifestan o seu apoio á comunidade educativa de Ribeira, “contan co noso respaldo e imos pedirlle á Consellaría de Educación que atenda as demandas e dote profesorado suficiente os centros educativos para que a rapazada teña una educación de calidade”