Na parroquia de Corrubedo:
Celébrase a Romaxe de Santa Tecla, o día 23 de Setembro. No lugar do festexo existía antigamente unha capela, dende hai tempo desaparecida. E no lugar de Teira, celébrase do Día de San Roque, o 16 de Agosto; a habitual ausencia de verbena non impide que a festividade impregne a xornada.
Na parroquia de Olveira:
Celébrase unha romaxe na honra de Nosa Señora dos Dolores, o Domingo in Albis. A festa ten lugar en Sirves, o domingo posterior ó de Pascua, e particularízase pola práctica de xogos populares como a chave, o tiro da corda ou competicións de chistes, e a misa cantada que lle outorga o seu carácter relixioso.
En Bretal festéxase, con misa solemne, o Día da Ascensión, dedicado á Nosa Señora da Quinta Angustia. A celebración ten lugar o domingo inmediatamente posterior ó 15 de Agosto, e conta cunha considerable devoción popular.
A Virxe do Rosario é honrada cunha xornada de festa o día 8 de Setembro.
Olveira vive asimesmo días de procesión o primeiro domingo do mes de Xullo, coa procesión do Santísimo. Esta e máis a celebrada na honra da Virxe do Carme, o 13 de Agosto, saen da Igrexa Parroquial de Santa María de Olveira, a Nova, avanzan pola estrada un treito e voltan. A Procesión do Santo Sepulcro ten lugar o Venres Santo, e discorre polo adro arredor do templo parroquial.
Na parroquia de Aguiño:
Intimamente mariñeira, celébrase a procesión marítima en homenaxe á Virxe do Carme o 16 de Xullo. A imaxe é transportada da igrexa ó peirao e alí embarca ata Sálvora, illa á que bordean as embarcacións para enfilar de novo terra e devolve-la Santa ó seu lugar. O domingo seguinte ó Carme celébrase unha pequena romaxe: a misa de campaña do neno Xesús; despois da celebración da homilía, á mañá, a xente vive a xornada de festa cun xantar campestre, no piñeiral de Couso acondicionado para merendoiro.
Na parroquia do Bon Pastor de Castiñeiras:
Celébrase unha procesión marítima en honor á Virxe do Carme durante as festas do verán. Soe ter lugar o último día de festexos, ó término da misa da mañá. O día en honor a San Cristóbal, o pobo vive unha procesión peculiar: unha comitiva de vehículos - coches, motos, etc. - adornados para a ocasión percorre os lugares da parroquia para rematar coa bendición a tódalas máquinas participantes no adro da igrexa. Tamén se celebra unha procesión dedicada ó Sagrado Corazón de Xesús, que circula a pé arredor do cruceiro do adro da igrexa. E por último, o cuarto domingo de Pascua é a festa do Patrón, o Bon Pastor: non hai festa convencional na rúa pero si concertos con rondallas - gaiteiros e bandas de música - e unha intensa participación cidadá na elaboración dunha eucaristía especial, que forma parte dun evento no que tódolos parroquiáns contribúen para compartir un gran xantar e que conmemora o nacemento da parroquia, que tivo lugar exactamente á medianoite. O domingo seguinte ó 3 de Febreiro celébrase tamén a Festa de San Blas, na que se bendicen os pans e as roscas, na igrexa.
En Carreira:
A celebración máis importante é a da Nosa Señora da Guía, arredor da capela do mesmo nome. Atrae moreas de xentes de lugares como Pindo ou Ézaro. Ó longo da xornada ofícianse misas de 8 a 13 horas - cantada -, e pola tarde ás 18, 19 e 20 horas. Conclúese cunha procesión arredor da capela. O Día do Patrón, San Paio, non traslada a festividade á rúa; si se aproveita para celebrar varias confirmacións na parroquia.
En Santa Uxía de Riveira:
Teñen lugar diferentes procesións. A de O Paso celébrase o mércores de Semana Santa ás 9 da noite: a imaxe de Xesús encabeza a comitiva e ségueno 3 imaxes de discípulos postrados. A confraría de O Paso tivo gran sona a finais dos anos 60 e principios dos 70; estaba presidida polo marqués Otero Goyanes. Logo caeu en desuso e isto supuxo o deterioro das imaxes. Nos últimos anos o Concello está a retomalo en consideración e o evento recupérase. O seu itinerario parte da rúa Cristóbal Colón e baixa pola rúa de Galicia; circula logo polo Malecón e regresa. Unha conmemoración máis seria e menos folklórica é a procesión do Venres Santo, con motivo do enterro e da soidade. A talla que encabeza a comitiva, de madeira de buxo e con incrustacións de prata, posúe gran valor. Ata finais do s. XIX, arredor de 1870, a Compañía da Soidade organizaba a procesión da Soidade e tamén a dos Caladiños. Desde tempos do actual párroco, decidiuse unir estas dúas; agora temos unha que parte ás 10 da noite e remata na Praza da Igrexa, cun anuncioda resurrección e da festividade da palabra. En Maio, celébrase a procesión da Carroza, en honor á Virxe. Neste desfile de nenas, ataviadas como anxiños, réndese homenaxe a María nunha cerimonia moi activa, coa melodía do "triunfi gloria". Outra procesión, a do Corpus, parte do Monumento, en cuia cripta está exposta a imaxe de Cristo, e segue un percorrido singular: baixa pola rúa Cristóbal Colón e circunda a praza da Igrexa. Celébrase pola mañá. Pero a máis popular é, sen dúbida, a procesión do Carme, marítimo-terrestre. A eucaristía ten lugar na Lonxa e de aí sae a imaxe uns 45 minutos por mar. Conta con gran apoio do Concello, da Comisión de Festas, xa que se celebra durante os festexos de Agosto, e dos patróns, pois sempre participan entre 30 e 40 barcos. A procesión remata coa imaxe da Virxe na Igrexa. A súa orixe remóntase ó nacemento da parroquia e o tramo pola ría practícase desde a posguerra.
Canto ás romaxes, a de San Alberte, o segundo luns de Marzo, congrega a moita xente e conserva moitas tradicións, coma a bendición de ramos para esparexer pola terras de cultivo. O monte énchese todo o día de xente e acode moita xuventude, movida, iso si, pola diversión que van atopar máis ca polo seu carácter relixioso.
En Palmeira:
A romaxe de máis sona e máis tirón popular vén sendo desde hai ben tempo a de Nosa Señora de Belén, tamén coñecida como Santa de Moldes (Romaxe de Moldes). Celébrase o primeiro domingo de Maio, aínda que nos últimos anos vense celebrando o segundo domingo. Ten lugar en Moldes, encrucillada de camiños entre Palmeira, Oleiros e Pobra. O pequeno santuario atópase nese cruce e veciños de todo o Barbanza asisten a esta romaxe para gozar da música, o polbo, as roscas e bo ambiente. Á 1 da tarde unha misa cantada na honra da santa pon o elemento solemne a esta fermosa celebración.
Se unha procesión destaca no municipio é a da Festa do Santísimo en Palmeira, o primeiro domingo de Xullo. Ofíciase a misa, como corresponde a esta celebración relixiosa do Corpus e a procesión pasea por un conxunto de rúas asombrosamente decoradas con alfombras florais e deliciosos deseños de arcos elaborados con flores. Os veciños traballan duro para ter toda esta decoración preparada para o paso da procesión. Por esta fermosa característica, esta xornada coñécese tamén como o día das alfombras.