O Fútbol Gaélico ou balón pesado (en irlandés, “Peil Ghaelach” ou “Caid”) é un deporte de equipo que se xoga fundamentalmente en Irlanda. É o máis popular do país, xunto co “Hurling”. O fútbol gaélico xógase en equipos de 15 xogadores nunha cancha de céspede rectangular con porterías en forma de “H” a ambos os dous lados. O obxectivo principal é anotar puntos pateando ou golpeando o balón coas mans e introducilo na portería rival.
Mércores, 16 de abril de 2025 — Hoxe tivo lugar a presentación da Copa Galega de Fútbol Gaélico que se vai a celebrar o vindeiro sábado 26 de abril no Complexo Deportivo da Fieiteira; á presentación acudiron, o concelleiro de Deportes Xabier Vidal, o segundo tenente de alcalde, Francisco Suárez-Puerta, o concelleiro de Sanidade, Juan Luis Furones, o concelleiro de Mar, Fernando Abraldes, o presidente do Club Galicia Bealo, David Rodríguez e o representante do club, Nino Álvarez.
Tras a exitosa Copa Galega Boiro 2024, a Asociación Galega de Fútbol Gaélico, adscrita á Real Federación Galega de Fútbol, acordou facer unha excepción neste 2025 e repetir por primeira vez a Copa Galega nunha mesma comarca.
O Concello de Ribeira porá a disposición as instalacións do Complexo Deportivo da Fieiteira para acoller a Copa Galega, garantindo así o correcto desenvolvemento das competicións tanto feminina como masculina. Deste xeito, o campo de herba artificial acollerá durante toda a mañá a fase de grupos feminina, mentres que no campo de céspede natural se disputará a fase de grupos masculina e, posteriormente, todas as fases finais.
As finais absolutas serán retransmitidas pola TVG a partires das 17:00h, polo “que animamos á veciñanza a achegarse á Fieiteira e amosar, coa súa ledicia e enerxía características, o máximo apoio a esta fermosa iniciativa” sinalou Xabier Vidal.
Ribeira estaba xunto con outras candidaturas para optar á celebración da Copa Galega e tivo a honra de ser elixida, “é un orgullo para Ribeira acoller esta edición da Copa Galega de Fútbol Gaélico”, sinalou Vidal e tamén informou que é un deporte en auxe en Galicia, “onde hai maior número de equipos inscritos a nivel do estado e ademais contamos coa selección galega masculina e feminina”.
Nino Álvarez agradeceu á Asociación Galega de Fútbol Gaélico, a Real Federación Galega de Fútbol, ao Concello de Ribeira, así como o apoio “das entidades patrocinadoras e dos voluntarios que fan posible a celebración desta cita deportiva”.
Suárez-Puerta informou que a entrada será de balde e animou á veciñanza “de ter a oportunidade de coñecer este deporte”, tamén como concelleiro de Turismo sinalou “que é unha boa oportunidade para desestacionalizar xusto despois de Semana Santa”.
Actividades paralelas e terceiro tempo
Ademais de gozar dos encontros, a organización convida ás persoas asistentes a participar no tradicional “terceiro tempo”, un espazo de confraternización no propio Complexo Deportivo, onde se entregarán os trofeos correspondentes a cada categoría e se realizará un recoñecemento especial aos dous mellores xogadores do torneo que despois se trasladará ás rúas de Ribeira para mesturarse coa veciñanza.