Buscador

O Concello de Ribeira finaliza as obras de pavimentación na rúa do Colexio de Corrubedo e supera os 412.000 euros investidos na parroquia
Whatsapp: O Concello de Ribeira finaliza as obras de pavimentación na rúa do Colexio de Corrubedo e supera os 412.000 euros investidos na parroquia

Ribeira, 13 de abril de 2025. O Concello de Ribeira acaba de completar as obras de pavimentación e renovación do saneamento na rúa do Colexio de Corrubedo cun investimento de 67.000 euros, dentro dun plan máis amplo de mellora de servizos básicos nas parroquias do municipio.  

O alcalde, Luís Pérez Barral, acompañado dos tenentes de alcalde, destacou que “estas actuacións responden ás demandas veciñais e teñen como obxectivo mellorar a calidade de vida da xente, garantindo uns servizos públicos á altura para que a veciñanza das parroquias conten cunhas boas infraestruturas”.

Os membros do goberno supervisaron a intervención na rúa do Colexio que se suma a outras xa executadas recentemente, como a renovación do saneamento na rúa Buenos Aires (45.000€), a pavimentación e mellora da rede de pluviais na rúa dos Pozos (39.000€), actuación que contribúe a reducir o risco de asolagamentos nesta zona, e a creación de novas beirarrúas no entorno do Faro de Corrubedo (100.000€), co obxectivo de garantir a accesibilidade peonil e a seguridade viaria.

No ámbito deportivo, tamén se realizou un investimento de 116.000 euros na parroquia de Saamil para a construción de tres pistas de tenis, creando así un novo espazo de lecer e deporte para a mocidade e a veciñanza.

De cara aos vindeiros meses, o Concello xa ten prevista a renovación do saneamento e das pluviais na rúa Canaval, cun orzamento de 45.000 euros.

“Estamos a falar de máis de 412.000 euros que se destinan a mellorar os servizos básicos, como o saneamento, a seguridade viaria e accesibilidade ou as infraestruturas deportivas. Este goberno local está comprometido con dar resposta ás necesidades reais das parroquias e imos continuar nesta liña”, subliñou Pérez Barral.

O Concello continúa así co seu compromiso de investir de maneira equilibrada en todo o territorio municipal e atendendo as peticións da veciñanza.