Buscador

Ribeira participa nun proxecto internacional pioneiro para preservar dixitalmente os seus rexistros históricos
Whatsapp: Ribeira participa nun proxecto internacional pioneiro para preservar dixitalmente os seus rexistros históricos

Ribeira 10 de abril de 2025

O arquivo municipal de Ribeira converteuse nestes días nun espazo de traballo cunha proxección global. O responsable é Andre Figueira, experto dixitalizador que desenvolve o seu labor dentro dun ambicioso proxecto internacional de dixitalización documental, impulsado pola Igrexa de Xesucristo dos Santos dos Últimos Días e coordinado desde Salt Lake City (Utah, EUA). O obxectivo é claro: preservar e facilitar o acceso aos rexistros históricos civís e relixiosos de todo o mundo.

 

“Actualmente estamos dixitalizando os rexistros do cemiterio de Ribeira desde o ano 1927. É un traballo meticuloso, pero sumamente enriquecedor: cada documento que dixitalizamos é unha parte da memoria colectiva dunha comunidade. Normalmente dixitalizamos uns 6.000 documentos por semana”, explica Figueira, quen leva anos traballando neste proxecto en diferentes países.

O traballo de Figueira forma parte dunha rede global de máis de 500 digitalizadores, repartidos por máis de 150 países, que colaboran con arquivos municipais, dioceses, parroquias e outras entidades que custodian documentación histórica. O volume de traballo é impoñente: xa foron dixitalizados máis de 1.500 millóns de rexistros, moitos deles accesibles a través dunha plataforma en liña.

“Levamos xa moito tempo aplicando intelixencia artificial para cruzar datos e recoñecer nomes, datas e lugares nos documentos históricos. Todo este traballo ten como finalidade a creación dun gran árbore xenealóxico mundial, unha ferramenta que permite a calquera persoa explorar a súa historia familiar con profundidade”, explica Andre Figueira.

Desde o Concello, o concelleiro de novas tecnoloxías, Francisco Suárez-Puerta Colomer, valorou de maneira moi positiva a presenza de Andre nos arquivos municipais, “a dixitalización dos arquivos é hoxe unha tarefa imprescindible. Dende o Concello estamos comprometidos con este obxectivo e estamos facendo esforzos para modernizar e preservar toda a nosa documentación histórica. A colaboración con proxectos internacionais coma este permítenos avanzar máis rápido e con maiores garantías de calidade e conservación”.

Suárez-Puerta sinala tamén que a vontade do Concello é continuar esta liña de traballo no futuro, "Andre está agora cos rexistros de enterramentos, pero terá sempre as portas abertas para continuar, por exemplo, coas partidas de nacemento. Esta colaboración ten un valor incalculable para Ribeira”.

O concelleiro tamén destacou que desde a área de novas tecnoloxías estase traballando na dixitalización doutros fondos documentais de grande interese histórico:

“Temos previsto dixitalizar a documentación histórica da lonxa e outros rexistros vinculados ao mar. A actividade pesqueira foi, e segue sendo, o motor da nosa cidade. Coñecer mellor esa historia é tamén unha maneira de recoñecer o esforzo das xeracións anteriores e de poñer en valor o que somos hoxe”.