Os catro alcaldes da mancomunidade Barbanza Arousa chaman a participación na mobilización prevista para este vindeiro sábado día 22 de marzo na Pobra do Caramiñal.
Boiro, 18 de marzo de 2025.
Esta mañá os alcaldes da mancomunidade Barbanza Arousa, Julián Bustelo, José Ramón Romero, José Carlos Vidal e Luis Pérez Barral ofreceron unha rolda de prensa conxunta na que mostraron a seu total rexeitamento ao proxecto de Altri que tal como indicaron “supón un impacto directo na Rede Natura 2000, que ameaza flora e fauna endémicas, que pon en risco o consumo de auga da poboación e industria da Barbanza e cuxas verteduras de augas residuais ao río Ulla poderían poñer en risco o sector do mar da ría de Arousa”.
Esta é a segunda ocasión na que os alcaldes se unen en contra deste proxecto, contra o que xa hai un ano presentaron alegacións argumentando o seu previsible impacto nun entorno xa moi deteriorado como é o río Ulla, do que depende o abastecemento de auga dos municipios deste territorio e a ría de Arousa.
Nesta rolda de prensa, os alcaldes ofreceron algúns datos do posible impacto que este modelo industrial tería na comarca. Destacaron a importancia do sector primario do mar como un sector estratéxico para a economía local, do que dependen un importante número de familias en cada un dos concellos que poderían verse en risco ao comprometerse a calidade das augas do río Ulla, o máis determinante para a súa produtividade marisqueira por ser o máis caudaloso dos que alimentan a ría de Arousa, así como o impacto ambiental e os riscos no abastecemento de auga potable da poboación.
Os alcaldes remataron a súa exposición pública facendo un chamamento a participar na mobilización convocada para o vindeiro día 22 de marzo convocada pola Plataforma en Defensa da Ría de Arousa e instan á Xunta de Galicia a velar polos intereses dos municipios que dependen do río Ulla e da ría de Arousa.