Buscador

O Concello de Ribeira rexenerará o paseo da praia dos Mosqueiros e Fonte Seca en Castiñeiras
Whatsapp: O Concello de Ribeira rexenerará o paseo da praia dos Mosqueiros e Fonte Seca en Castiñeiras

Ribeira, 19 de novembro de 2024

O Concello de Ribeira avanza no seu compromiso por mellorar a calidade de vida da súa veciñanza coa próxima rexeneración do paseo da praia dos Mosqueiros e Fonte Seca, situado na parroquia de Castiñeiras. Este proxecto, recentemente adxudicado á empresa Vilariño ESP, S.L.U. cun orzamento de 240.000 euros, conta cun prazo de execución de tres meses e forma parte do PRTR financiado pola Unión Europea a través dos fondos Next Generation.

Reordenación, accesibilidade e espazos verdes

O obxectivo principal desta actuación é revitalizar a fronte litoral e a paisaxe urbana desta emblemática zona, á vez que se melloran as condicións de accesibilidade e seguridade viaria. Este proxecto responde tamén á vontade do goberno local de potenciar os espazos públicos e áreas de ocio das parroquias como puntos clave de socialización.  

Entre as actuacións previstas inclúese a renovación integral dos pavimentos, co emprego de materiais como granito e a instalación de novos sistemas de iluminación pública. A nova iluminación disporá de elementos actualizados que garantirán unha mellor eficiencia enerxética, así como a instalación de liñas de alimentación a través de condutores de cobre.  

 

Por outra banda, potenciarase a beleza natural do paseo coa creación dunha zona axardinada máis ampla, dotada de céspede natural sobre unha capa de terra vexetal, mantendo as árbores existentes e tratando de plantar máis para respectar o equilibrio ambiental da área.

Ademais de mellorar a funcionalidade e a accesibilidade, esta intervención subliña a importancia de reforzar os espazos verdes e de ocio no municipio, converténdoos en lugares de encontro e disfrute para todas as idades. A ampliación das zonas axardinadas e a reordenación do espazo contribuirán a que a zona se integre mellor coa paisaxe circundante e ofreza un ambiente máis acolledor para residentes e visitantes.

O alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, destacou que “actuar nas parroquias e mellorar a accesibilidade son prioridades fundamentais para este goberno. Esta rexeneración é un exemplo do noso compromiso por ofrecerlle á cidadanía espazos públicos de calidade”. Este proxecto supón un novo paso no desenvolvemento sostible de Ribeira, creando espazos públicos centrados nas persoas, accesibles e verdes.