Buscador

Seminario sobre as confrarías de pescadores como modelo para un ordenamento da pesca na galicia do século XXI
Whatsapp: Seminario sobre as confrarías de pescadores como modelo para un ordenamento da pesca na galicia do século XXI

O día 19 de outubro do ano en curso cúmprese o centenario da creación do Pósito de Carreira- Aguiño. Lonxe queda aquel 1924 onde os seus veciños se constituian neste organismo para atenderse mellor, tanto eles, como as súas familias.

No 1919 creouse a Caixa Central de Creto Marítimo co obxectivo de dotar economicamente as necesidades detectadas no sector do mar. En 1930 xorde o Instituto Social da Mariña, como iniciativa gobernativa para dar resposta a un sector profesional necesitado de organización, coidados e atención para progresar conforme evoluciona o tempo.

O ano 1924 é básico para entender o desenvolvemento económico e social de Carreira e Aguiño e do concello de Ribeira, que levan a converter este porto no primeiro de baixura da Unión Europea.

A evolución do porto aguiñense viviu momentos dunha grande efervescencia pesqueira, creándose a lonxa, a ampliación dos peiraos, a construción dunha fábrica de xeo, un edificio para uso das redeiras e a rexeneración de espazos para o desenvolvemento das actividades administrativas desta entidade de semidereito público apoiada polas administracións, tanto do estado, como da propia Comunidade Autónoma.

As artes do palangre, cerco, trasmallos, miños, así como a práctica do marisqueo a flote, tanto na súas concesións do Castro e da illa de Sálvora provocan a creación de asociacións vivas dentro da estrutura da propia confraría, volvendo á orixe da creación dos pósitos que naceron con esa
vocación de asociacionismo. Así, na nosa institución está integrada a Asociación de Armadores do Cerco de Aguiño-Ribeira e a Agrupación de Mariscadores.

Na actualidade na lonxa de Aguiño cotízanse preto de 50 toneladas de percebe ao que se lle debe engadir as capturas de ameixa, navalla e ourizo, converténdoa nunha referencia rexional e tamén estatal. A pertenza do Arquipélago de Sálvora, que forma parte do Parque Nacional
Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, a esta organización leva a que se trate de poñer en marcha unha reserva mariña coa intención de optimizar o control das capturas na zona de cara a alcanzar un desenvolvemento biolóxico sostible, tanto das augas, como das especies que nelas habitan.

O espírito asociacionista é, pois, unha faceta indisoluble da constitución das confrarías, institucións sen parangón na Unión Europea. As especificidades propias das confrarías, sen modelo equivalente na actividade organizativa pesqueira dos portos europeos e sen un
recoñecemento da súa estrutura dentro da propia Administración Europea, exemplifica o valor de seren organizacións democráticas nas que as voces dos mariñeiros e armadores se escoitan en igualdade de condicións.


Para entender mellor estas organizacións e para celebrar un centenario cargado de simbolismo, o cabido decidiu organizar este seminario co obxectivo de estudar o momento actual polo que están a pasar as confrarías e ver as perspectivas de futuro onde o respecto pola biodiversidade e o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, ODS, marcarán o roteiro a seguir nos oficios do mar.

 

Ciprián Rivas Fernández
Director

Documentos