Noticias

Ribeira chama ao voluntariado para a limpeza de praias o vindeiro 26 de outubro
Whatsapp: Ribeira chama ao voluntariado para a limpeza de praias o vindeiro 26 de outubro

Ribeira 18 de outubro de 2024

Cada ano máis de 10 millóns de toneladas de lixo rematan nos océanos. Co obxectivo de eliminar parte dos residuos que están nas praias, así como dar unha chamada de atención sobre esta problemática o Concello de Ribeira convoca unha xornada de limpeza. Con estaacción tamén se pretende concienciar na necesidade de coidar dos mares.

Da man da concelleira de Medio Ambiente, Antía Alberte e do concelleiro de Mar, Fernando Abraldes presentouse esta iniciativa nunha praia de Río-Azor en marea baixa e chea de argazo e plásticos.

Nestes días de temporais onde o mar devolve á terra todo o lixo xerado pola diferentes actividades humanas alén dos nutrientes tan necesarios para a dinámica de toda a cadea trófica, o Concello de Ribeira quere abordar esta situación non só dende o servizo municipal de limpeza senón tamén facendo actividades de concienciación e divulgación “e que mellor maneira que os propios concelleiros nos involucremos nestas limpezas voluntarias, comezamos o ano pasado con estas iniciativas e continuamos con elas. A acción de limpeza desenvolverase o vindeiro sábado 26 de outubro ás 11:00 horas sempre que o tempo nos acompañe” sinalou Antía.

O punto de encontro será na praia de Río-Azor e farase a limpeza da mesma así como nas calas contiguas cara o norte, as chamadas praias caninas habilitadas polo Concello sitas entre Punta Aguiúncho e a Pedra da Igrexa dos Mouros. “Aínda que son praias pequenas son espazos onde se acumula moito material plástico entre as rochas e pensamos que é importante traballar nas rochas polo efecto acumulativo” salientou a concelleira.

Finalmente animou a todos e a todas a participar e informou que “ademais de facer a limpeza de proporcionar luvas e bolsas, teremos despois un pequeno coloquio de concienciación ambiental.

Abraldes fixo unha chamada ao voluntariado a sumarse para a limpeza de praias para o sábado 26, falou do importante que é para o sector do mar “agora que estamos nas primeiras maruxías do ano, é o momento preciso para facer esta actividade de limpeza xa que no verán o mar está moi en calma pero cando chegan estas temporais o mar devolve todas estas variedades de plásticos que co tempo se volven en micro-plásticos co problema de chegar á cadea trófica”finalizou o concelleiro de Mar.