Festas na Parroquia de Riveira

Festas do Verán

Estas son as festas máis grandes do municipio, as de Agosto, celebradas, con lixeiras variacións, os primeiros cinco días deste mes. Practicamente a calquera das 24 horas do día atopamos algunha actividade: competicións deportivas para grandes e pequenos, xogos populares, actuacións musicais diurnas e nocturnas, disputa de torneos deportivos a nivel profesional en distintos deportes, concursos, invitados famosos para a pronuncia do pregón, etc. Atractivas orquestras amenizan as verbenas, incluso en distintos puntos da cidade, e o campo da feira rebosa de atraccións e postos de toda caste: tiro, vendas de infinidade de artigos, comidas... O sábado adoita celebrarse a procesión marítimo-terrestre na honra da Virxe do Carme; e tamén soe ser o día elixido para a queima de fogos de artificio, que representan un combate naval e cobren o ceo de Riveira de luces e formas que petrifican as pupilas. Ademais, nunca falta algún que outro prato forte, coa actuación estelar dun artista de renome nacional ou internacional.
Sempre se inclúe nestes festexos o coñecido como Día da Flor, unha xornada dedicada ós nenos e ás flores, iniciativa da Asociación de Amas de Casa. Durante todo o día, os rapaces levan a cabo as máis variadas actividades creativas (pintura, realización de coroas de flores); e tamén se nomea unha raíña e unhas damas de honor, que son paseadas polas rúas de Riveira entre aplausos e beleza floral.