Festas na Parroquia de Palmeira

Festas do Verán

Tradicionalmente celébranse de venres a domingo, coincidindo co primeiro domingo de setembro. Nos últimos anos, sen embargo, véñense celebrando de mediados a finais de agosto para interese dos numerosos visitantes e emigrantes que pasan as vacacións en Palmeira no mes de Agosto. Os festexos honran a Virxe do Carme, e o programa está configurado por xogos para nenos, competicións deportivas e demais actividades lúdicas. Unhas carrozas coas raíñas infantil, xuvenil e da emigración desfilan pola vila e tamén se celebra unha procesión marítima coa imaxe da Santa. A verbena pecha cada xornada con troula ata altas horas da noite e unha espectacular sesión de fogos de artificio clausura definitivamente a fin de semana de celebración.

Festa da Empanada

A súa celebración, o 25 de Xullo, coincide co día da Patria e do Apóstolo Santiago. Esta festa gastronómica enche de xente os xardíns do recheo portuario onde se poden degustar varios tipos deste típico producto galego, ademais duns viños de acompañamento

Festa das Fogueiras de San Xoan
Cabe facer unha mención á coñecida como Festa das Fogueiras, a noite de San Xoán. A tradición deste festexo está moi arraigada, e iso maniféstase no grande espírito de competitividade que esperta en distintos barrios, que loitan por consegui-la fogueira de maior tamaño e duración. Ademais, no recinto portuario organízanse durante o día xogos infantís e outras actividades, ata a noite na que a verbena se convirte en protagonista e punto de encontro.