Festas na Parroquia de Aguiño

As principais son as Festas do Carme; Aguiño é a única parroquia de Riveira que honra a esta Virxe na data que lle corresponde. O día 16 sempre se inclúe nas xornadas de festa, que oscilan entre os 3 e os 5 días porque sempre engloban unha fin de semana. Do pregón, o primeiro día, soe encargarse algún personaxe popular con algún vencello con Aguiño: Quico Cadaval, o actor "Tuto" Vázquez... O sábado adoita organizarse unha gran sardiñada na explanada do porto; con viño, refrescos, pan de millo, e todo gratuíto. Tamén teñen lugar diversas competicións deportivas e actos: a cucaña mariñeira (hai que coller unha bandeira ó outro extremo dun encebado e esvaradizo pau suspendido sobre o mar); o partido de fútbol entre solteiros e casados; chocolatadas, concursos e debuxos para os nenos; o chupinazo pirotécnico inaugural, no que se lanza unha bomba de palenque seguida dunha traca que estoura atropeladamente; orquestras para ameniza-la velada de cada noite ata as 5 ou as 6 da madrugada (por aquí pasou xa a París de Noia; e unhas tracas de centos de bombas que se prenden no momento de embarque e desembarque da imaxe da Virxe do Carme durante a procesión).

Ademais da Romaxe do Neno de Couso, a segunda ou terceira semana de Maio celébrase a Festa dos Maios; sempre cadra en sábado e a xornada anímase con gaiteiros e banda de música, inchables para os cativos e a verbena final. Pero o máis destacado é a confección dun gran maio floral con flores campestres e unha carroza que percorre engalanada tódalas rúas da vila.