Noticias

Presentación do IV Open Corrubedo de Spinning Galicia
Whatsapp: Presentación do IV Open Corrubedo de Spinning Galicia

O vindeiro 26 de outubro teremos esta cuarta edición de pesca con cana organizada polo club Spinning Galicia. Na presentación estiveron o segundo tenente de Alcalde, Francisco Suárez-Puerta, o concelleiro de Deportes, Xabier Vidal, o concelleiro de Mar, Fernando Abraldes e Ramón Portas organizador e representante do club Spinning Galicia.

O concelleiro de Mar informou sobre as localizacións do Open “o permiso para esta edición xa está expedido e será dende Río Sieira ata a Praia da Corna pasando polas Furnas, Espiñeirido, Corgo, Punta de Corrubedo, Pedra das Vetas, Ladeira, Vilar, Couso, Aguiño ata a praia da Corna (Palmeira); isto vai a ser o plan A, se as previsións meteorolóxicas o permiten, senón haberá un plan B que sería dende Couso ata a praia da Corna que tamén é unha boa zona de lubinas e sargos. Esperemos que o mar tela unha voltiña boa para coller uns bos peixes” finalizou Abraldes.

Ramón Portas explicou “que isto do spinning é unha pesca deportiva onde só se utilizan reclamos artificiais, vinilos e demais aparellos, non se utiliza ningún tipo de carnada viva;  nesta modalidade de pesca está adicada á lubina aínda que poden entrar outros tipos de peixe”.

Ramón animou a inscribirse xa que a data límite para facelo será o vindeiro  domingo 20 de outubro, non se admitirán anulacións despois desta data. As inscricións se farán por rigoroso orde de ingreso bancario á conta ES 76 2080 5021 5930 4002 9633 co concepto do nome do pescador ou pescadora ou polo  wasap  +34 640 85 79 75.

Suárez-Puerta dixo que xa é un Open consolidado en Ribeira e animou a todos/as afeccionados a participar dunha xornada de pesca familiar e recordou que ao rematar haberá unha comida cun ambiente moi distendido e de cambio de impresións e con entrega de agasallos e sorteos. 

Vidal explicou que o torneo disporá de tres categorías con premios para os tres primeiros clasificados nas categorías, masculina, feminina e a de nenos.

Dende a organización agardan unha participación próxima ós 170 pescadores chegados dende diferentes puntos de toda Galicia e incluso de fóra. Todo o peixe capturado será doado posteriormente a unha entidade benéfica para o seu consumo.