Expo: “1921-2021,100 anos da bandeira galega no Palacio municipal da Coruña

O Centro Cultural Lustres Rivas vai ser escenario a partir do venres 11 de febreiro dunha nova exposición titulada “1921-2021, 100 anos da bandeira galega no Palacio municipal da Coruña”.

Trátase dunha mostra organizada pola Deputación na que se reflicte este fito histórico, datado o 25 de xullo de 1921, no que a bandeira de Galicia ondeou por primeira vez na historia nun edificio institucional.

Así, partindo de documentos históricos como a acta municipal na que se aprobaba que a bandeira fose izada no Palacio Municipal o 25 de xullo de 1921, ou recortes da prensa da época, os guionistas e investigadores Manuel López Poy e Manel Cráneo, co asesoramento histórico do historiador Xosé Alfeirán, realizaron para esta mostra un módulo de cómic histórico debuxado por Alberto Taracido e Rubén Rial. Trátase dun cómic en dous actos que permite aos visitantes entender o nacemento e a evolución da bandeira galega desde finais do s. XIX ata 1921, ano en que se iza por primeira vez nunha institución, o Palacio Municipal da Coruña.

Para completar a proposta expositiva, unha selección de ilustradores e ilustradoras, principalmente da plataforma Coruña Gráfica, ofrecen a súa homenaxe artística de forma desenfadada e actual. Partindo do símbolo icónico, cada un deles dá a súa visión persoal da bandeira e dos diversos contextos en que se pode atopar, prestando especial atención a algúns elementos propios da identidade galega. Os participantes son: Branda, Uxío Broullón, Aurora Cascudo, Iria do Castelo, Miguel Cuba, Alberto Díaz, Brais Fierro, Héctor Francesch, Alberto Guitián, Uxía Larrosa, Antón Lezcano, Jorge Peral, Perdivel, Xulia Pisón, Javier de la Rosa, Irene Sanjuán, Luis Sendón e Calros Silvar.

Expo: “1921-2021,100 anos da bandeira galega no Palacio municipal da Coruña
Localización
Centro Cultural Lustres Rivas