ePrivacy and GPDR Cookie Consent by Cookie Consent
O tempo agora weather 11º Max 15º Min 10º

Entroido 2025

Presentación das bases do Festival de Murgas e Comparsas e dos concursos de disfraces do Entroido 2025
Whatsapp: Presentación das bases do Festival de Murgas e Comparsas e dos concursos de disfraces do Entroido 2025


Ribeira, 6 de febreiro de 2025

A concelleira de Cultura, Antía Alberte xunto co técnico, Unai González presentaron hoxe, as bases do Festival de Murgas e o  Concurso de Disfraces do Entroido 2024; ambas sairán publicadas no Boletín Oficial da Provincia nos vindeiros días. Tamén para animar a toda a veciñanza tanto de Ribeira como doutros lugares a que participen. 

En primeiro lugar, indicar que o tradicional Desfile e Concurso de Murgas e Comparsas terá lugar o vindeiro domingo 2 de marzo pola tarde. Trátase dun evento que conta con gran aceptación popular e participación do tecido asociativo polo que agardamos que así sexa tamén nesta edición na que ademais repartiremos 6.000 euros entre premios e gratificacións. 

A data límite para que as murgas e comparsas interesadas se inscriban nesta convocatoria será o xoves 20 de febreiro, antes das 13:00 h, presentando a ficha de participación e toda a documentación no Rexistro xeral do Concello de forma presencial ou telemática a través da sede electrónica segundo corresponda. .

Para unha mellor organización e desenvolvemento do desfile e do concurso establécese un máximo de 12 murgas participantes na categoría adulta, 6 murgas na categoría infantil e 6 comparsas. E no caso de recibírense máis solicitudes, serán seleccionadas pola organización tendo en conta en primeiro lugar a antigüidade de participación neste evento e en segundo lugar a data e número de rexistro da súa inscrición no festival. 

Todas as murgas e comparsas deberán participar no desfile polas rúas de Ribeira e unha vez rematado, comezará o festival no escenario que se habilitará para tal fin nunha carpa que instalemos na Praza de Pontevedra. No Festival actuarán en primeiro lugar as comparsas e  murgas infantís. E posteriormente comezará a fase de concurso na que só participará a categoría de Murgas Adultas. 

 

Como indican as bases as letras das murgas (infantil e adulta) deberán ter unha extensión máxima de 2 cancións, non superiores no seu conxunto a 80 versos, nin dunha duración total superior a 12 minutos, quedando excluídas aquelas actuacións que superen esta duración.  As letras deberán ser de creación propia e promoverase o uso da lingua galega, feito que será de especial valoración por parte do xurado no momento da súa deliberación.

 

Para as comparsas, a duración máxima dos bailes non poderá ser superior aos 10 minutos. 

Ao remate do Festival procederase á entrega dos premios (na categoría de Murgas Adultas) así como as gratificacións ao resto de murgas e comparsas participantes.

Como se indicou ao comezo, establécese a contía total de 6.000 € para o festival. Só por participar as murgas e comparsas recibirán unha gratificación de 200 €, que poderá chegar a 299 € no caso de que a mesma asociación/entidade participe en dúas categorías distintas. 

En canto aos premios para as murgas adultas da fase do concurso, haberá como sempre tres premios, dotados de 1000 € o primeiro premio, 600 € o segundo premio e 400 € o terceiro premio, pero tamén creamos nesta ocasión un premio especial para a mellor murga local con 800 € que se entregaría no caso de que ningunha murga adulta do municipio de Ribeira acadase o primeiro premio; este galardón entregaráselle á agrupación local que obtivese a maior puntuación. 



A outra proposta que queremos avanzar xa é o Concurso de Disfraces de Entroido que este ano ven con novidades. 

Por unha banda, teremos o concurso de disfraces na modalidade infantil, para nenas e nenos menores de 18 anos, con premios cun importe de 500 € e que se celebrará o martes 4 de marzo pola tarde no marco da festa infantil de Entroido. 

Todos os participantes no concurso deberán desfilar na pasarela que se organizará en dita festa infantil e enviar unha fotografía do participante disfrazado (sacada no momento do desfile na pasarela) ao enderezo electrónico comercio@ribeira.gal. Neste correo electrónico deberanse indicar os seguintes datos persoais: nome e apelidos do participante, teléfono de contacto e achegar copia do DNI do pai/nai/titor do participante. Esta imaxe será a empregada para a deliberación do Xurado, cedendo o dereito da imaxe ao Concello de Ribeira.

Os prazo para remitir os datos solicitados así como a fotografía dos participantes desfilando é o seguinte: dende o martes 4 de marzo no momento de realizarse o desfile ata o luns 10 de marzo ás 23:59 h.

Outorgaranse cinco premios valorados en 100 euros cada un, distribuídos en bonos para mercar no comercio local. 

E por outra banda organizamos o concurso na modalidade de adultos, que contará con novas categorías e que como novidade estará en funcionamento dende o venres 28 de febreiro ás 12:00 h ata o mércores 5 de marzo ás 22:00 h. É dicir, o concurso non se desenvolverá nunha soa xornada como ata agora, senón que estará activo ao longo de todo o Entroido, para que todas as persoas que se disfracen poidan optar a participar e levar algún dos premios. 

O concurso na modalidade de adultos outorga premios distribuídos en catro categorías.   

- INDIVIDUAL:

1º PREMIO: 150 €    

2º PREMIO:   75 €    

3º PREMIO:   50 €    

 

- PARELLA/TRÍO (mínimo dúas persoas, máximo tres):

1º PREMIO: 250 €

2º PREMIO: 150 €

3º PREMIO: 100 € 

 

- GRUPO  (mínimo de catro persoas):

 1º PREMIO: 425€ 

 2º PREMIO: 250€  

 3º PREMIO: 150 €


E crease este ano unha nova categoría de ENTERRO DO FELIPE cos seguintes premios: 

a)premio individual ao mellor disfrace de chorón/chorona: 100 €

b)premio ao grupo máis numeroso de choróns/choronas : 300 €


A mecánica de funcionamento deste concurso será a mesma dos anos pasados. As persoas ou grupo de persoas maiores de idade que desexen participar deberán acudir disfrazados a algún dos locais hostaleiros adscritos a este certame e solicitar unha tarxeta de participación. Os participantes nas categorías individual, parella/trío ou grupo, deberán selar esta tarxeta ao menos en tres dos locais participantes para que sexa válida e sacar a fotografía do disfrace diante ou nun destes locais participantes.

Todos os participantes no concurso, independentemente da categoría na que participen, deberán enviar a imaxe da tarxeta cuberta e a fotografía do disfrace ao enderezo electrónico comercio@ribeira.gal. 

Pola súa banda, os participantes na categoría enterro do Felipe deberán facer unha fotografía durante o desfile do Enterro do Felipe en Ribeira ou calquera outra parroquia do municipio que celebre este evento, enviala ao enderezo electrónico comercio@ribeira.gal. Neste correo electrónico deberanse indicar os seguintes datos persoais: nome e apelidos do participante, teléfono de contacto e achegar copia do DNI do participante para a categoría individual e do representante para a categoría grupal. 

O prazo para remitir a fotografía por correo electrónico así como os datos indicados e a tarxeta selada é o mesmo para todas as categorías, comezando o venres 28 de febreiro ás 12:00 h (momento no que comeza o concurso) e podendo facelo ata o luns 10  de marzo ás 23:59 h.


É importante destacar  tamén que para o desenvolvemento deste concurso na modalidade de adultos precisamos da colaboración dos locais hostaleiros da cidade polo que aqueles establecementos que queiran participar deberán inscribirse no enderezo electrónico comercio@ribeira.gal ou no telf. 686 58 70 00 a partir da data de publicación dos concursos no Boletín oficial da Provincia (BOP) e como data límite ata xoves 20 de febreiro de 2025 ás 23:59 h. 

Aos locais participantes entregaránselle tarxetas coa ruta dos distintos locais hostaleiros que deberán entregar aos clientes que desexen concursar. Esta tarxeta deberanlla selar/asinar aos concursantes en cada establecemento participante en que o soliciten.  

As bases completas destes concursos así como do festival de Murgas e Comparsas estarán colgadas na páxina web municipal


 

Documentos