Festas de Verán de Ribeira 2022

Despois de dous anos de pandemia Ribeira recupera as súas festas de verán: unha celebración que terá lugar do 3 ao 7 de agosto que foi presentada polo presidente e o vicepresidente da comisión organizadora, José Andrés Alonso e Jesús Paz, e pola concelleira de Cultura María Sampedro.

A edil municipal manifestou que o cartel pretende satisfacer todos os gustos e idades cun montón de actividades variadas. Agradeceu o gran esforzo que de forma desinteresada fan José Andrés Alonso e Jesús Paz para que estas festas sexan de novo un referente estival. Entre outros eventos, destacou que o pregón correrá a cargo do xornalista Antonio Rodríguez Naranjo, presente en distintas cadea de televisión e radio e conta con residencia en Aguiño. Tamén no primeiro día terá lugar unha homenaxe a Manuel Ayaso.

Sampedro Fernández incidiu en que se quixo apostar  por orquestras con integrantes de Ribeira, como Platinum ou Principal, ademais de grandes nomes do sector como El Combo Dominicano e París de Noia.

Outro espectáculo que se espera goce de gran aceptación entre a xuventude é un festival de DJs con Alex Martini, Tall Boys, Dumore ou Enter. Será na praza de España, mesmo espazo no que terán lugar concertos tributo de AC DC e The Rolling Stones, así como a actuación de Xisco Feijoo, artista emerxente no panorama galego.

Actividades infantís, unha exposición no Lustres Rivas do pintor local Antonio Pérez, unha mostra de música tradicional ou a misa do Carme na nova lonxa proseguida de procesión son outras propostas planteadas para estes cinco días, antes de finalizar cun espectáculo de fogos de artificio.

Dende a comisión de festas, Jesús Paz tomou a palabra para agradecer a veciños, empresas, institucións e entidades que quixeron achegar a súa axuda a súa colaboración e enfatizou a importancia de preservar as tradicións.

Festas de Verán de Ribeira 2022
Localización