O Centro Cultural Lustres Rivas vai exhibir a partir do xoves 21 de abril unha nova exposición titulada “Emocións”, do recoñecido artista ecuatoriano Oswaldo Guayasamín.
Trátase dunha mostra que amosa o amor aos seres humanos, a empatía cos seus sentimentos, a expresividade dos xestos, para configurar unhas obras cheas de vida, de emoción, de significado profundo. Estará exposta ata o 28 de maio.
Oswaldo Guayasamín nace en 1919 en Quito (Ecuador), de pai indio e nai mestiza, o que o leva a unha tendencia introspectiva para buscar as súas raíces, o seu pasado e a súa historia. Morre en Baltimore en 1999. Artista comprometido contra a inxustiza social, a súa arte amosa un singular valor simbólico centrado na loita dun pobo pola liberdade, o que se manifesta na súa plástica xa dende 1944 coa serie Huacayñan (en quechua “o camiño do llanto”), onde describe as culturas e crenzas dos países andinos. En 1961 comeza a serie A idade da ira, con máis de 5.000 debuxos e 250 lenzos, resumo da súa estética expresionista, con fortes xogos das cores primitivas para amosar a desolación humana. Nos anos oitenta xéstase a serie A idade da tenrura, amosando a harmonía do home co home.